Estatutos da asociación “ESCOLA DE MÚSICA CHARAMELA”
CAPÍTULO I
DENOMINACIÓN, FINES, DOMICILIO E ÁMBITO.
Artigo 1. Coa denominación “Escola de Música Charamela”, constitúese unha asociación ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.
Artigo 2. Esta asociación constitúese por tempo indefinido.
Artigo 3. A existencia desta asociación ten como fins: o estudo da música e realizar actividades musicais na comunidade autónoma galega.
Artigo 4. Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades: estudo do solfexo, estudo e práctica instrumental, realización de cursos e realización de concertos.
Artigo 5. A “Escola de Música Charamela” establece o seu domicilio social en Pontedeume, Avenida da Coruña nº 14, 1º DP 15600, e o seu ámbito territorial no que vai realizar principalmente as súas actividades na comunidade autónoma galega. A banda e a orquestra de cámara poderán actuar en todo o territorio nacional ou en outros países.
CAPÍTULO II
ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN
Artigo 6. A “Escola de Música Charamela” será xestionada e representada pola Xunta Directiva formada por: un Presidente, un Secretario, un Tesoureiro e un Vocal. Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuitos. Estes serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de tres anos.
Artigo 7. Estes poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigacións que tivesen encomendadas e por espiración do mandato.
Artigo 8. Os membros da Xunta Directiva que tiveran esgotado o prazo para o cal foron elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o momento en que se produzan a aceptación dos que os substitúan.
Artigo 9. A Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o seu Presidente e por iniciativa ou petición de catro dos seus membros. Quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. En caso de empate, o voto do Presidente será de calidade.
Artigo 10. Facultades da Xunta Directiva.
As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.
Son facultades da Xunta Directiva:
a) Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da “Escola de Música Charamela”, acordando realizar os contratos e actos oportunos.
b) Executar os acordos da Asemblea Xeral.
c) Formular e someter á Asemblea Xeral os Balances e as Contas anuais.
d) Resolver sobre a admisión de novos asociados.
e) Nomear delegados para algunha actividade determinada da “Escola de Música Charamela”.
f) Calquera outra facultade que non sexa competencia exclusiva da Asemblea Xeral de socios.
Artigo 11. O Presidente terá as seguintes atribucións: Representar legalmente á “Escola de Música Charamela” ante toda clase de organismos públicos ou privados; convocar, presidir e levantar sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións de unha e outra; ordenar pagos e autorizar con súa sinatura os documentos, actas e correspondencia; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
Artigo 12. O Vicepresidente substituirá ao Presidente na súa ausencia, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, e terá as mesmas atribucións que el.
Artigo 13. O Secretario terá a cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da “Escola de Música Charamela”, expedirá certificacións, levará os libros da Asociación legalmente establecidos e o ficheiro de asociados, e custodiará a documentación da entidade facendo que se cursen ás comunicacións sobre a designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles aos Rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais que legalmente correspondan.
Artigo 14. O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á “Escola de Música Charamela” e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente.
Artigo 15. Os Vocais terán as obrigacións propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, e así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomende.
Artigo 16. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria.
CAPÍTULO III
ASAMBLEA XERAL
Artigo 17. A Asemblea Xeral é o órgano de goberno da “Escola De Música Charamela” e estará integrada por todos os asociados.
Artigo 18. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase unha vez ao ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio; as extraordinarias, celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do presidente, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados.
Artigo 19. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito expresando o día, lugar e a hora da reunión así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado haberán de mediar polo menos quince días, podendo así mesmo facerse constar se procedera a data e hora en que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, se entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a unha hora.
Artigo 20. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán válidamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.
Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos positivos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.
Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para:
a) Nomeamento das Xuntas Directivas e administradores.
b) Acordo para constituir unha Federación de asociacións ou integrarse nelas.
c) Disposición ou alienación de bens integrantes do inmobilizado.
d) Modificación de estatutos.
e) Disolución da “Escola de Música Charamela”.
Artigo 21. Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:
a) Aprobar, no seu caso, a xestión da Xunta Directiva.
b) Examinar e aprobar as contas anuais.
c) Aprobar ou rexeitar propostas da Xunta Directiva en orde a actividades da “Escola de Música Charamela”.
d) Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias.
e) Calquera outra que non sexa competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.
f) Acordar a renumeración, no seu caso, dos membros dos órganos de representación.
Artigo 22. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:
a) Nomeamento da Xunta Directiva.
b) Modificación dos estatutos.
c) Disolución da “Escola de Música Charamela”.
d) Expulsión de socios, a proposta da Xunta Directiva.
e) Constitución de Federacións ou integración nelas.
CAPÍTULO IV
SOCIOS.
Artigo 23. Poderán pertencer á “Escola de Música Charamela” aquelas persoas con capacidade de obrar, que teñan interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.
Artigo 24. Dentro da “Escola de Música Charamela” existirán as seguintes clases de socios:
a) Socios fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da Asociación.
b) Socios de número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación.
c) Socios de honra, os que polo seu prestixio ou por teren contribuído de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da “Escola de Música Charamela”, fáganse acredores a tal distinción.
O nomeamento dos socios de honra corresponderá á Xunta Directiva.
Artigo 25. Os socios causarán baixa por algunha das seguintes causas:
a) Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b) Por incumprimento das obrigacións económicas, se deixara de satisfacer tres cotas periódicas.
Artigo 26. Os socios de número e fundadores terán os seguintes dereitos:
a) Tomar parte en cantas actividades organice a “Escola de Música Charamela” no cumprimento dos seus fins.
b) Disfrutar de todas as vantaxes e beneficios que a “Escola de Música Charamela” poida obter.
c) Participar nas asembleas con voz e con voto.
d) Ser electores e elixibles para os cargos directivos.
e) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da “Escola de Música Charamela”.
f) Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da asociación.
Artigo 27. Os socios fundadores e de número terán as seguintes obrigacións:
a) Cumprir os presentes estatutos e os acordos válidos das Asembleas e a Xunta Directiva.
b) Abonar as cotas que se fixen.
c) Asistir ás Asembleas e aos actos que se organicen.
d) Desempeñar, no seu caso, as obrigacións inherentes ao cargo que ocupen.
Artigo 28. Os socios de honra terán as mesmas obrigacións que os fundadores e de número agás as previstas nos apartados b) e d) do artigo anterior.
Así mesmo, terán os mesmos dereitos agás os que figuran nos apartados c) e d) do artigo 23, podendo asistir ás asembleas sen dereito a voto.
Artigo 29. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da “Escola de Música Charamela” serán os seguintes:
a) As cotas dos socios, periódicas ou extraordinarias.
b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas.
c) Calquera outro recurso lícito.
Artigo 30. O patrimonio ou Fondo Social da “Escola de Música Charamela” é de 12.000 € en instrumentos e material fungible.
Artigo 31. O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 30 de agosto de cada ano.
CAPÍTULO V
DISOLUCIÓN
Artigo 32. Disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, por unha maioría dos 2/3 dos asociados.
Artigo 33. En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora a cal, unha vez extinguidas as débedas, e se existise sobrante líquido o destinará para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa, concretamente ao Concello de Pontedeume ou entidade benéfica con fins similares.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.
Don Julio Gómez Garabana, Secretario da “Escola de Música Charamela” ao que se refiren estes estatutos,
CERTIFICA, que os presentes Estatutos foron modificados para adaptalos ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria de asociados de data 30 de setembro de 2003.
En Pontedeume, a 14 de maio de 2004.


