

Comezamos o curso 2024-2025 con moito entusiasmo na Escola de Música Charamela. Este ano contamos con case 80 alumnos e alumnas, o que demostra o crecemento e interese pola música na nosa comunidade. Os instrumentos máis solicitados este curso foron o piano, a guitarra e o violín, reflectindo as preferencias tradicionais, pero tamén contamos con novas incorporacións en trompeta. Non obstante, temos o reto de seguir potenciando os instrumentos de vento-metal para fortalecer a nosa banda, que é un dos piares fundamentais da nosa escola.
Mellora constante
Queremos destacar os avances que realizamos recentemente, que reflicten o noso compromiso coa mellora continua da Escola de Música Charamela. Un dos pasos máis importantes foi a creación de unha páxina web e a implementación na mesma dun novo sistema de matriculación, que facilita a xestión e inscrición do alumnado, facéndoa máis sinxela e accesible.
Tamén ampliamos o noso espazo educativo grazas á consecución dun aula no Colexio Couceiro Freijomil, o que nos permitiu ofrecer clases os venres pola tarde, unha demanda que logramos cubrir este curso. Así mesmo, contratamos novos profesores para cubrir as baixas e reforzar o noso cadro docente, garantindo que todos os alumnos teñan unha formación de calidade.
Por último, queremos informar que xa presentamos a solicitude para incluír a nosa escola no Rexistro de Escolas de Música da Xunta de Galicia. Este recoñecemento oficial é un paso crucial para o futuro de Charamela, xa que reforza a nosa posición como un referente no ensino musical e abre novas oportunidades para continuar medrando.
Calendario Escolar
Adxuntamos o calendario escolar para este ano, onde poderedes consultar todas as datas clave

As datas clave máis importantes no futuro inmediato serán as audicións de Nadal, das que vos informaremos con detalle en canto sexa posible. E si, lestedes ben, “audicións”, xa que este ano a nosa intención é realizar varias en lugar dunha soa. O obxectivo é facer as audicións máis dinámicas e entretidas, xa que con case 80 alumnos, unha única audición podería resultar demasiado longa e difícil de seguir. Pronto vos daremos máis información tan pronto como teñamos as datas confirmadas.
Ademais, este ano volveremos participar na cabalgata de Reis, polo que animamos ás familias a que se poñan en contacto con nós se desexan colaborar e participar nesta actividade tan especial.
Os fitos máis importantes do curso 2023-2024
O curso pasado estivo cargado de actividades destacables. Entre elas, celebramos concertos da banda en datas clave como as Festas das Peras e a Semana Santa. Ademais, realizamos concertos didácticos, nos que participaron os centros escolares da vila, e fixemos audicións nas que o noso alumnado amosou o seu progreso en diferentes especialidades musicais.
podedes descargar a memoria de actividades do curso 2023-2024 a través da ligazón.
Temos que agradecer a todas as familias e ao alumnado polo seu compromiso coa nosa escola. Este apoio é fundamental para seguir promovendo o ensino da música e a participación activa na banda e nas actividades culturais de Charamela.


