

O 16 de marzo de 2025, a Escola de Música Charamela celebrou unha nova audición, nesta ocasión dos alumnos de saxofón, un evento no que puideron compartir o froito do seu esforzo e progreso. Este tipo de audicións resulta fundamental no desenvolvemento de cada alumno, xa que brinda a oportunidade de amosar os seus avances, practicar ante o público e perder gradualmente o medo escénico. Para o profesorado tamén son de gran relevancia, pois permítelles constatar como o seu traballo constante se reflicte na evolución dos músicos.
Un repertorio esixente e unha dificultade engadida
Dende as primeiras notas, quedou claro que a audición non era simplemente unha mostra de pezas, senón un testemuño do avance individual de cada estudante. María Pereira Tenreiro abriu a sesión co Tema da 7ª Sinfonía de Beethoven e Vai durmir. Guillermo Zaera Cabana abordou un programa variado con Himno á ledicia, Viaxe espacial e A tempo de vals.

Un dos momentos destacados da audición foi a interpretación de Lois Medel Cendán de Rêves d’Enfants, de Eugène Bozza, acompañado ao piano por Alma Cendán. Este tipo de acompañamento en directo supón unha vantaxe, xa que o pianista pode adaptarse ao ritmo do solista, algo que non ocorre coa música pregravada. De feito, varios participantes afrontaron o reto engadido de tocar con base gravada, o que esixe un nivel de precisión e control aínda maior.
Nicolás Lorenzo Urango interpretou o Allegro Moderato da Sonata nº 1 de Jean Lefevre. David Blanco Rey presentou Nuits Blanches, de Alain Crepin, mentres que Alma M.ª Cendán González abordou o Romance, segundo movemento de Ronald Binge e Andrea Amado Iglesias pechou a quenda individual con Chanson à Bercer de Bozza.
En cada interpretación, o alumnado amosou un progreso notable, o que nos anima na escola a seguir polo mesmo camiño.
O cuarteto sorpresa: cohesión e traballo en equipo

Cando a audición parecía chegar ao seu fin, o público levou unha grata sorpresa coa aparición dun cuarteto de saxofóns composto por David Blanco Rey, Alma Cendán González, Lois Medel Cendán e o seu profesor, Manolo Vázquez. Foi a primeira vez que actuaban xuntos, e esperamos que non sexa a última, porque o resultado foi espectacular. Este é outro dos retos que nos propuxemos recentemente na Escola de Música Charamela: fomentar a formación de conxuntos musicais, xa que, como case todo na vida, as cousas en compañía sempre son mellores, e na música, moito máis.
O papel clave do profesor Manolo Vázquez
Mención especial merece Manolo Vázquez, non só pola súa participación no cuarteto, senón polo seu papel fundamental na formación dos alumnos. O seu labor guiando e motivando a cada estudante ten sido clave no seu desenvolvemento musical e na consolidación da Escola Charamela como un referente no ensino musical das Terras Eumesas.
Con esta audición, a Escola de Música Charamela reafirma o seu compromiso coa educación musical do seu alumnado, ofrecéndolles experiencias que os preparan para afrontar novos retos con confianza e seguridade.








