

A Semana Santa de Pontedeume 2025 quedará na memoria como unha das máis afectadas polas inclemencias meteorolóxicas das últimas décadas. A choiva persistente obrigou á suspensión da maior parte das procesións previstas, truncando así os plans de confrarías, devotos e participantes.
A pesar destas circunstancias, desde a Escola de Música Charamela mantívose o compromiso coa tradición e coa comunidade. Malia que moitos actos tiveron que ser cancelados ou trasladados ao interior das igrexas, os músicos de Charamela estiveron presentes en todas as alternativas improvisadas, colaborando activamente para que as celebracións mantivesen, na medida do posible, o seu contexto litúrxico e cultural.
Un dos poucos actos que puido celebrarse con normalidade foi a tradicional procesión de madrugada do Venres Santo, coñecida como “O Paso”. Esta marcha fúnebre, interpretada desde as 5:00 da mañá polas rúas de Pontedeume, conserva un carácter único e exclusivo dentro do calendario relixioso da vila. Executada por músicos locais —profesionais e afeccionados—, “O Paso” conclúe ao amencer coa interpretación final na Praza Real, coincidindo co Santo Encontro das imaxes de San Xoán, A Verónica, Cristo e a Virxe dos Dolores.

A Banda de Música Charamela, como é habitual, encargouse da interpretación desta marcha, símbolo identitario da Semana Santa eumesa. A tradición continúa viva grazas ao labor de transmisión xeracional e ao esforzo constante da nosa escola por preservar e difundir o patrimonio musical local.

O resto das procesións previstas para os días centrais da Semana Santa, como a procesión do Cristo dos Mariñeiros, o a procesión da Soidade e o Domingo de Resurrección, foron suspendidas por mor da chuvia. Nalgúns casos, adaptáronse os actos previstos para seren celebrados no interior da Igrexa de Santiago, onde a música tamén estivo presente grazas á colaboración dos nosos músicos.
Este ano, máis que nunca, a música cumpriu a súa función esencial: acompañar, dar sentido e cohesionar, incluso na ausencia dos rituais máis visíbeis. Desde Charamela, agradecemos o esforzo e a implicación de todo o noso alumnado, profesorado e familias, así como á Parroquia de Santiago e ás confrarías eumesas por contar con nós un ano máis. Reiteramos o noso compromiso coa vida cultural e espiritual de Pontedeume
Este ano, máis que nunca, a música cumpriu a súa función esencial: acompañar, dar sentido e cohesionar, incluso na ausencia dos rituais máis visíbeis. Desde Charamela, agradecemos o esforzo e a implicación de todo o noso alumnado, profesorado e familias, e reiteramos o noso compromiso coa vida cultural e espiritual de Pontedeume.


